UN BANCO DE TERRAS?

Hoxe hai moitas explotacións agrarias que teñen interese en aumentar a súa base territorial, incorporando terras de labranza ou prados para producir herba ou forraxe e ter menos dependencia de alimentos concentrados.

O aumento do tamaño das explotacións gandeiras, de horta e de viñedo, entre outras, pode permitir que estas sexan viables economicamente, sen que se vexan obrigadas a pechar.

As persoas que se dedican á actividade agraria teñen moita dificultade para conseguir novas fincas mediante compra, polo altos prezos das terras.

Tampouco hai un mercado fluído de fincas en aluguer: moitas persoas donas de fincas déixanas abandonadas antes que arrendalas, por temor a perder dereitos sobre as propiedades.

Cada vez vemos, con máis frecuencia, como ao lado dunha explotación activa que ten interese en ampliar as terras traballadas, hai outra en grave situación de abandono, que pode ocasionar danos por incendio, pragas ou enfermidades, ademais de non producir nada. En definitiva, unha finca agrícola que só ocasiona problemas para o conxunto da sociedade, podendo producir riqueza para o propietario e para o agricultor.
 
Medio Rural

A Xunta de Galicia, a través da Consellaría do Medio Rural, vén de crear o Banco de Terras, para tentar de mobilizar terras agrarias mediante aluguer.

Trátase, polo tanto, de crear riqueza e emprego mediante o arrendamento de fincas agrarias abandonadas ou improdutivas.

Un banco público, onde calquera persoa pode inscribir -de xeito voluntario- as súas fincas, para permitir que sexan arrendadas por períodos máximos de cinco anos.

Un banco público onde aquelas persoas que se dediquen á agricultura poidan arrendar fincas, sabendo en todo momento cales están dispoñibles, a que prezo e en que condicións.

Uns prezos de referencia que resulten interesantes para propietarios e agricultores, que fixará e actualizará cada ano a Xunta de Galicia, coa participación das institucións, organizacións sindicais agrarias e cooperativas.

Un Banco de Terras que lle garanta ao propietario o cobro da renda de aluguer e a devolución da finca nas mesmas condicións de uso cando remate o período de arrendamento.

Este é o obxectivo. Coa garantía dun Banco Público. Con todas as garantías.

Xosé Carballido Presas

Director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias