
Coa posta en marcha do Banco de Terras de Galiza queremos favorecer o aproveitamento da superficie agraria útil actualmente abandonada para brindar a oportunidade de incrementar o tamaño das explotacións que o precisen, así como a instalación de mozos que queiran incorporarse á actividade agrogandeira. Beneficiaranse tanto aquelas persoas propietarias de fincas rústicas, ao percibir unha contía polo alugueiro da terra, como as dedicadas á actividade agraria, que poderán dispoñer de maior superficie para ampliar a súa base produtiva; e ambos terán as garantías dun banco público xestionado pola Xunta.
Principiaremos o proceso de mobilización naquelas comarcas nas que a actividade agrogandeira ten destacado peso socioeconómico, para ir progresivamente ampliando as zonas de actuación, ate chegar en poucos anos á totalidade do país. Pretendemos, así, conservar e mesmo incrementar a superficie agraria útil de Galiza que, nestes intres, se sitúa arredor das 750.000 hectáreas, o que supón só o 25% do territorio total da nosa comunidade, fronte ao 50% de media europea.