A ampliación da base territorial das explotacións permitirá unha menor dependencia de pastos e forraxes externos, así como a posible diversificación de cultivos, aumentando a capacidade produtiva das explotacións e a posibilidade de apertura a novos mercados para a comercialización dos produtos agrarios.
Obxectivos e finalidades que redundan nunha elevación do nivel de vida dos agricultores, abrindo e facendo atractiva a actividade agraria a novos sectores de poboación para o seu asentamento no rural, superando así o envellecemento e o abandono do agro galego.
A posta en valor dos predios agrarios infrautilizados, semiabandonados ou en grave situación de abandono, son unha potencial fonte de riqueza sobre as que o banco de terras debe incidir de xeito especial, poñéndoos á disposición das explotacións para establecer, ampliar ou dotarse dunha base territorial que mellore a súa competividade e viabilidade técnico-económica e social.
Para acadar este obxectivo, a Xunta de Galicia procederá á declaración de zonas de especial interese agrario ata abranguer de xeito progresivo a práctica totalidade da superficie agraria do territorio galego.
Logo dunha primeira análise do territorio determináronse unhas zonas caracterizadas pola súa alta produtividade agrícola e gandeira posta de manifesto pola existencia de explotacións que o avalan ou polas propias características e potencialidade dos terreos ou zonas en que se localizan. Zonas que foran obxecto de concentración parcelaria ou que poderán selo no futuro, nas cales, a actividade agropecuaria, número de explotacións, plans de mellora, incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, son factores que se tiveron en conta para a determinación de zonas de especial interese agrario que realiza este decreto.
Por todo o exposto, de conformidade coa proposta do conselleiro do Medio Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de outubro de dous mil sete
DISPOÑO:
Artigo 1º
Declárase de especial interese agrario o solo rústico de protección agropecuaria situado dentro do ámbito territorial dos concellos seguintes:
-Comarca de Ordes: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.
-Comarca da Terra Chá: Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade.
-Comarca da Limia: Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.
-Comarca do Deza: Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
-Comarca do Baixo Miño: A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui.
Artigo 2º
A estas zonas seranlles de aplicación os preceptos da Lei 7/2007, do 20 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase a Consellería do Medio Rural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e cinco de outubro de dous mil sete.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural