A ampliación da base territorial das explotacións permitirá unha menor dependencia de pastos e forraxes externos, así como a posible diversificación de cultivos, aumentando a capacidade produtiva das explotacións e a posibilidade de apertura a novos mercados para a comercialización dos produtos agrarios.
Estes obxectivos e finalidades redundan nunha elevación do nivel de vida dos agricultores, abrindo e facendo atractiva a actividade agraria a novos sectores de poboación para o seu asentamento no rural, superando así o envellecemento e o abandono do agro galego.
A posta en valor dos predios agrarios infrautilizados, semiabandonados ou en grave situación de abandono son unha potencial fonte de riqueza sobre a que o Banco de Terras debe incidir de xeito especial, poñéndoos á disposición das explotacións para establecer, ampliar ou dotarse dunha base territorial que mellore a súa competividade e viabilidade técnico-económica e social.
Mediante o Decreto 206/2007, do 25 de outubro, a Xunta de Galicia iniciou, a declaración de zonas de especial interese agrario co obxectivo de acadar de xeito progresivo a práctica totalidade da superficie agraria do territorio galego.
Despois dunha análise do territorio, determináronse unhas zonas caracterizadas pola súa alta produtividade agrícola e gandeira posta de manifesto pola existencia de explotacións que o avalan ou polas propias características e potencialidade dos terreos ou zonas en que se encontran. Zonas que teñen sido obxecto de concentración parcelaria ou que poderán selo no futuro, en que a actividade agropecuaria, número de explotacións, plans de mellora, incorporación de mozos e mozas á actividade agraria son factores que se tiveron en conta para a determinación de zonas de especial interese agrario que realiza este decreto.
Por todo o exposto, de conformidade coa proposta do conselleiro do Medio Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de decembro de dous mil sete,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Declárase de especial interese agrario o solo rústico de protección agropecuaria situado dentro do ámbito territorial dos concellos seguintes:
-Comarca de Arzúa: Arzúa, Boimorto, O Pino e Touro.
-Comarca da Barcala: Negreira e A Baña.
-Comarca de Melide: Melide, Santiso, Sobrado e Toques.
-Comarca de Xallas: Mazaricos e Santa Comba.
-Comarca de Chantada: Bóveda, Carballedo e Chantada.
-Comarca da Fonsagrada: Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.
-Comarca de Meira: Meira, Pol, Ribeira de Piquín e Riotorto.
-Comarca de Terra de Lemos: Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober e Taboada.
-Comarca do Ribeiro: A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia.
-Comarca de Terra de Caldelas: Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil e A Teixeira.
-Comarca de Terra de Celanova: A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea.
-Comarca de Verín: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós.
-Comarca de Caldas: Caldas de Reis, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga.
-Comarca do Condado: Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas e Salvaterra de Miño.
-Comarca do Salnés: Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
-Comarca de Tabeirós-Terra de Montes: A Estrada, Forcarei e Cerdedo.
Artigo 2º
A estas zonas seranlles de aplicación os preceptos da lei 7/2007, do 20 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase a Consellería do Medio Rural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro de dous mil oito.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural