CON TODAS AS GARANTÍAS                                                    Volver

Decreto 293/2008, do 18 de decembro, polo que se declaran como zonas de especial interese agrario as comarcas de Bergantiños, Barbanza, Eume, Muros, Noia, Santiago de Compostela, O Sar, Os Ancares, Lugo, Sarria, A Ulloa, Allariz-Maceda, Baixa Limia, Terra de Trives, A Paradanta e Pontevedra.

Decreto zonas de especial interese agrario Decreto en    PDF (32 KB)
A Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia, recolle nos seus artigos 2.2º e 3.11º que terán a condición de zonas de especial interese agrario (ZEIA) para os efectos de aplicación desta lei, aqueles ámbitos territoriais que, mediante decreto, determine o Consello da Xunta por seren necesarios para acadar unha axeitada xestión do Banco de Terras de Galicia.

O Banco de Terras de Galicia constitúe un instrumento fundamental para impulsar o medio rural, favorecendo a mobilidade das terras que están improdutivas, evitando o seu abandono e a perda de superficie agraria útil.

A xestión do banco de terras pode favorecer a ampliación de explotacións existentes e impulsar o nacemento de novas explotacións supoñendo un importante medio de xeración de emprego no rural e remuda xeracional ao favorecerse a incorporación de xente nova ás actividades agropecuarias.
 
Medio Rural
 




A ampliación da base territorial das explotacións permitirá unha menor dependencia de pastos e forraxes externos, así como a posible diversificación de cultivos, aumentando a capacidade produtiva das explotacións e a posibilidade de apertura a novos mercados para a comercialización dos produtos agrarios.

Obxectivos e finalidades que redundan nunha elevación do nivel de vida dos agricultores, abrindo e facendo atractiva a actividade agraria a novos sectores de poboación para o seu asentamento no rural, superando así o envellecemento e o abandono do agro galego.

A posta en valor dos predios agrarios infrautilizados, semiabandonados ou en grave situación de abandono son unha potencial fonte de riqueza sobre as que o banco de terras debe incidir de xeito especial, poñéndoos á disposición das explotacións para establecer, ampliar ou dotarse dunha base territorial que mellore a súa competitividade e viabilidade técnico-económica e social.

Para acadar este obxectivo, a Xunta de Galicia procederá á declaración de zonas de especial interese agrario ata abranguer de xeito progresivo a práctica totalidade da superficie agraria do territorio galego.

Mediante o Decreto 206/2007, do 25 de outubro, a Xunta de Galicia iniciou a declaración de zonas de especial interese agrario co obxectivo de acadar de xeito progresivo a práctica totalidade da superficie agraria do territorio galego.

Mediante o Decreto 263/2007, do 28 de decembro, a Xunta de Galicia continuou coa delcaración de zonas de especial interese agrario.

Logo dunha primeira análise do territorio determináronse unhas zonas caracterizadas pola súa alta produtividade agrícola e gandeira posta de manifesto pola existencia de explotacións que o avalan ou polas propias características e potencialidade dos terreos ou zonas en que se localizan. Zonas que foran obxecto de concentración parcelaria ou que poderán selo no futuro, nas cales, a actividade agropecuaria, número de explotacións, plans de mellora, incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, son factores que se tiveron en conta para a determinación de zonas de especial interese agrario que realiza este decreto.

Por todo o exposto, de conformidade coa proposta do conselleiro do Medio Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de decembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º


Declárase de especial interese agrario o solo rústico de protección agropecuaria situado dentro do ámbito territorial dos concellos seguintes:

-Na comarca de Bergantiños: A Laracha, Carballo, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Laxe.
-Na comarca do Barbanza: Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.
-Na comarca do Eume: As Pontes de García Rodríguez, Monfero, A Capela, Cabanas e Pontedeume.
-Na comarca de Muros: Muros e Carnota.
-Na comarca de Noia: Outes, Noia, Lousame e Porto do Son.
-Na comarca de Santiago: Val do Dubra, Ames, Brión, Teo, Santiago de Compostela, Boqueixón e Vedra.
-Na comarca do Sar: Rois, Padrón e Dodro.
-Na comarca dos Ancares: Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, Baralla, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
-Na comarca de Lugo: Friol, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Guntín, Portomarín, O Corgo e Castroverde.
-Na comarca de Sarria: Láncara, O Páramo, Paradela, Sarria, O Incio, Samos e Triacastela.
-Na comarca da Ulloa: Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla.
-Na comarca de Allariz-Maceda: Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Paderne de Allariz, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía e Allariz.
-Na comarca da Baixa Limia: Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios e Muíños.
-Na comarca de Terra de Trives: San Xoán de Río, A Pobra de Trives, Manzaneda e Chandrexa de Queixa.
-Na comarca da Paradanta: O Covelo, A Cañiza, Crecente e Arbo.
-Na comarca de Pontevedra: Campo Lameiro, Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas, Barro, Pontevedra, Poio e Vilaboa.
-Na comarca de Caldas: Catoira.


Artigo 2º

A estas zonas seranlles de aplicación os preceptos da Lei 7/2007, do 20 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia..

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Consellería do Medio Rural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de decembro de dous mil oito.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural


Volver  Subir