Ligado a isto, produciuse unha forte redución do número de explotacións e, en moitos casos, de abandono, con escasa
transferencia da súa base territorial, o que tamén supuxo unha mínima
relevancia xeracional ao non disporen dunha superficie agraria adecuada
que lles garantise un nivel de rendas suficiente aos titulares das
explotacións agrarias e ás súas familias.
Ademais, débese ter presente que este abandono se
traduce nunha continua redución da superficie agraria útil, coa
consecuente perda dunha riqueza de interese social e público que un
país non se pode permitir.
Ao tempo, en moitos casos tamén existe unha
demanda por parte de explotacións que permanecen no sector e que
pretenden ampliar a base territorial das súas unidades produtivas, polo
que hai que buscar fórmulas que permitan que esas explotacións poidan
seguir a ser viables.
Polos motivos expostos, e tendo en conta a
función social do dereito de propiedade de acordo co disposto no artigo
33 da Constitución, faise necesario levar a cabo unha mobilización das
superficies agrarias útiles hoxe improdutivas, que permita o
redimensionamento das explotacións que sobreviven a unha maior
extensificación e redución de insumos e, así mesmo, a ampliación da
base territorial das explotacións existentes, de xeito que se
convertan, en definitiva, nun factor de riqueza colectiva.
Esta dinamización do mercado da terra permitirá
modelos de desenvolvemento das explotacións de carácter extensivo no
camiño dunha agricultura sustentable e compatible coa conservación do
medio e coa seguridade alimentaria que demanda actualmente a sociedade,
axudará a unha mellor xestión do territorio con fins agrarios e
contribuirá, definitivamente, a ordenar o espazo agrogandeiro e
forestal. Todos estes obxectivos deben ter presente, en todo momento, o
respecto e o fomento do principio de igualdade entre homes e mulleres.
É precisamente un obxectivo básico desta lei o
establecemento dunha serie de instrumentos que favorezan o mantemento
da capacidade produtiva da terra para evitar a perda de superficie
agraria útil e recuperar a que se perdeu nos últimos anos, que velen
pola conservación do contorno e das condicións ambientais, preserven os
predios e as explotacións dos seus adxacentes, axilicen os labores de
prevención de lumes forestais e protexan os bens patrimoniais públicos
e privados.
A aplicación da lei (agás excepcións moi
concretas que se sinalan nela) limítase ás zonas de especial interese
agrario, ámbitos territoriais definidos no artigo 3 da lei, de xeito
que estas coinciden basicamente co solo rústico de protección
agropecuaria, tal e como está previsto pola Lei 9/2002, do 30 de
decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de
Galicia, ademais das que poida establecer, de cara a un futuro, o
Consello da Xunta de Galicia, para o que se lle outorga a oportuna
habilitación. Deste xeito, circunscríbese a aplicación da lei, na súa
meirande parte, a territorios de alto valor agrario.
As zonas de especial interese agrario estarán
constituídas polos predios de alta produtividade agrícola ou gandeira,
posta de manifesto pola existencia de explotacións que a avalen ou
polas propias características ou a potencialidade dos terreos ou das
zonas onde se enclaven. Ter sido obxecto de concentración, selo no
futuro ou formar áreas de cultivo de singular extensión son factores
que determinan, entre outros, a inclusión nestas zonas.
En suma, o fin último da lei é frear a perda de
superficies de aptitude agraria en Galicia coa intención de aumentar a
riqueza do país a través da posta en valor daquelas terras que contan
con esa aptitude.
Este texto legal dítase ao abeiro da alínea 3 do
artigo 30.I do Estatuto de autonomía para Galicia, que lle outorga á
nosa Comunidade Autónoma competencia exclusiva, de acordo coas bases e
coa ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria, en
materia de agricultura e gandería.
A lei estrutúrase en oito títulos, que tratan
sucesivamente das disposicións xerais fundamentais para a aplicación da
norma, do Banco de Terras de Galicia e do seu órgano de xestión, do
réxime xurídico da incorporación de bens ao Banco de Terras de Galicia,
da transmisión dos bens incorporados ao devandito banco, das medidas
tributarias e de fomento, da Comisión Técnica de Prezos e Valores, dos
predios incultos e abandonados e mais do réxime sancionador.
No primeiro deles concrétase o obxectivo da
norma, e enuméranse os instrumentos que se articulan de cara á súa
consecución e que se desenvolven nos títulos seguintes. Incorpóranse
tamén o ámbito e as definicións oportunas de cara a facilitar a
aplicación da lei.
No título II instrumentalízase, como un
inventario onde figurarán todos os predios rústicos que servirán para a
consecución dos obxectivos previstos por esta lei, independentemente da
súa titularidade, o Banco de Terras de Galicia. Ademais, enuméranse os
destinos agrarios, en consecuencia cos obxectivos da norma, aos que
deberán quedar necesariamente vinculados estes predios. Créase unha
sociedade pública baixo a denominación de Sociedade Anónima Xestora do
Banco de Terras de Galicia, Bantegal, que terá como función principal a
xestión dos predios incorporados ao banco, co gallo de axilizar a
mobilidade das terras, co que se favorece, deste xeito, o
redimensionamento das explotacións e unha maior extensificación e
redución de insumos.
O título III establece o réxime xurídico da
incorporación de bens ao Banco de Terras de Galicia. O seu capítulo I
céntrase nos dereitos de adquisición preferente que lle corresponden á
sociedade Bantegal e no procedemento para o seu exercicio. No capítulo
II regúlase o procedemento para a cesión voluntaria de predios rústicos
situados en zonas de especial interese agrario, para a súa xestión e
posta no mercado pola sociedade Bantegal por tempo determinado non
inferior a cinco anos, de xeito similar ao contrato de mandato
indirecto do Código civil, aínda que con peculiaridades de seu. Neste
suposto prevense vantaxes para os cedentes, como son a garantía da
percepción do pagamento da renda, avalada pola sociedade xestora.
O título IV desenvolve o procedemento para a
transmisión dos predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de
Galicia, para o que se distinguen dous réximes distintos segundo a quen
lle corresponda a titularidade dos bens. Os que pertenzan á sociedade
Bantegal poderán ser alleados por esta ou ben cedidos temporalmente a
terceiras persoas. Esta última é a única posibilidade de transmisión
cando os bens pertenzan a outros titulares, públicos ou privados, no
exercicio da función da sociedade pública de facilitar a mobilidade de
terras agrarias.
En canto ao alleamento, distínguese o
procedemento de poxa pública, que será o réxime xeral, e a adxudicación
directa, nos supostos taxados establecidos pola lei. Respecto da cesión
temporal a terceiras persoas que se dediquen á agricultura, para o seu
uso e aproveitamento, regúlanse polo miúdo as correspondentes relacións
do órgano xestor coas terceiras persoas adxudicatarias destes.
No título V establécense medidas tributarias e de
fomento para os propietarios que soliciten a mediación da sociedade
xestora, que van desde beneficios fiscais no imposto de transmisións
patrimoniais e actos xurídicos documentados ata a posibilidade de
axudas públicas para realizar, entre outros, labores de mantemento ou
de acondicionamento dos predios rústicos.
No título VI créase a Comisión Técnica de Prezos
e Valores, que emitirá informe sobre os prezos aplicables ás
transaccións previstas nesta lei, que serán aprobados en Consello da
Xunta de Galicia. Este órgano colexiado está formado por representantes
da Administración -das consellarías competentes en materia de
agricultura, ambiente, economía e ordenación do territorio-, das
entidades locais galegas, do catastro, das cooperativas galegas e,
finalmente, das organizacións profesionais agrarias.
No título VII defínense os predios incultos ou
abandonados como os situados en zonas de especial interese agrario que
cumpran determinadas características que aconsellen a intervención da
Administración, co fin de asegurar o cultivo e de realizar prácticas
agrícolas respectuosas co medio, así como de evitar fundamentalmente
danos ás entidades públicas ou aos veciños e mais a propagación do
lume. Regúlase o procedemento para a súa declaración, que garante a
audiencia dos interesados e os recursos oportunos.
E, finalmente, no título VIII regúlase o réxime
sancionador aplicable ás infraccións administrativas correspondentes
aos incumprimentos das disposicións establecidas nesta lei, en
cumprimento do principio de legalidade recollido na Constitución.
Para rematar, a lei conta cunha disposición
adicional e cinco disposicións derradeiras, das que se poden salientar
as que modifican parcialmente a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de
montes veciñais en man común, e a Lei 12/2001, do 10 de setembro, de
modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia.
Por todo o exposto o Parlamento de Galicia
aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e
co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da
súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas
administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria
útil e do Banco de Terras de Galicia.
TÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto.
1. É obxecto desta lei regular o uso racional da
superficie agraria útil na procura da súa conservación e de evitar o
seu abandono, para o que se articulan medidas que favorezan e dinamicen
a oferta e a demanda como as que seguen:
a) Constituír o Banco de Terras de Galicia, no
que se relacionen todos os predios rústicos vinculados aos destinos
especificados no artigo 5.2 desta lei.
b) Establecer o réxime xurídico do Banco de Terras de Galicia.
c) Regular os diferentes procedementos de incorporación de predios do Banco de Terras de Galicia e da súa cesión.
d) Regular o procedemento para a declaración de
predios incultos ou abandonados que posibilite a realización de
prácticas agronómicas de conservación e a preservación do contorno e
das condicións ambientais.
e) Establecer o réxime sancionador correspondente ás accións e ás omisións descritas nesta lei.
2. O Bantegal terá como función fundamental
acadar a mobilización das superficies agrarias útiles improdutivas, co
que se favorece, deste xeito, o redimensionamento das explotacións.
Artigo 2. Ámbito de aplicación.
1. As disposicións establecidas nesta lei
aplicaranse nas zonas de especial interese agrario, e entenderase por
tales os predios con acordo de concentración firme posterior ao 30 de
decembro de 1992.
Sen prexuízo do anterior, tamén lles será
aplicable aos restantes predios incorporados ao Banco de Terras de
Galicia, no que se pode integrar calquera predio rústico situado na
comunidade autónoma de Galicia, así como a aqueles aos que se fai
referencia no artigo 8.2 desta lei.
2. Tamén terán a condición de zonas de especial
interese agrario aqueles ámbitos territoriais que, mediante decreto,
determine o Consello da Xunta por seren necesarios para conseguir unha
axeitada xestión do Banco de Terras de Galicia.
Artigo 3. Definicións.
Para os efectos desta lei, entenderase por:
1. Superficie agraria útil: a totalidade do solo
rústico de protección agropecuaria, segundo o establecido na Lei
9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de
Galicia, e as zonas de especial interese agrario declaradas por decreto
do Consello da Xunta.
2. Predio rústico: superficie agraria útil delimitada que constitúe un eido ou unha parcela.
3. Barbeito: predio rústico no que houbo cultivo
na campaña agrícola anterior e na actual está en descanso sen ter
ningún aproveitamento agrogandeiro.
4. Poulo: predio rústico no que houbo cultivo na
campaña agrícola anterior ou estivo a barbeito e na actual non ten
cultivo agrícola pero ten aproveitamento gandeiro, normalmente mediante
pastoreo.
5. Monte ou terreo forestal: todo terreo, con
exclusión dos anteriores, no que vexetan especies forestais arbóreas,
arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou
procedan de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir
funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas
ou recreativas.
Teñen tamén a consideración de monte ou terreo
forestal os demais terreos descritos no artigo 5 da Lei 43/2003, do 21
de novembro, de montes.
6. Explotación agraria: o conxunto de bens e
dereitos organizados empresarialmente polo seu titular no exercicio da
actividade agraria, primordialmente con fins de mercado, e que
constitúe en si mesmo unha unidade técnico-económica.
7. Persoa titular da explotación: a persoa física
ou xurídica ou, de ser o caso, a entidade asociativa sen personalidade
xurídica propia que exerce a actividade agraria, organizando os bens e
os dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e
asumindo os riscos e as responsabilidades civil, social e fiscal que
poidan derivar da xestión da explotación.
8. Persoa agricultora profesional: a persoa
física que, sendo titular dunha explotación agraria, obteña polo menos
o cincuenta por cento da súa renda total de actividades agrarias ou
doutras actividades complementarias, sempre e cando a parte de renda
procedente directamente da actividade agraria realizada na súa
explotación non sexa inferior ao vinte e cinco por cento da súa renda
total e o tempo de traballo dedicado a actividades agrarias ou
complementarias sexa superior á metade do seu tempo de traballo total.
Para estes efectos, consideraranse actividades
complementarias as establecidas con este carácter no parágrafo 2 do
artigo 2.5º da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das
explotacións agrarias.
9. Persoa agricultora a título principal: a
persoa agricultora profesional que obteña polo menos o cincuenta por
cento da súa renda total da actividade agraria exercida na súa
explotación e da que o tempo de traballo dedicado a actividades non
relacionadas coa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de
traballo total.
10. Persoa agricultora moza: a persoa que teña
cumpridos os dezaoito anos e non teña cumpridos os corenta anos e
exerza ou pretenda exercer a actividade agraria.
11. Zonas de especial interese agrario: os
predios concentrados nos dez anos anteriores á entrada en vigor da Lei
9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do
medio rural de Galicia, e os que se concentren con posterioridade,
sempre que neses supostos o acordo de concentración sexa firme. Tamén
terán a consideración de zonas de especial interese agrario aquelas
que, mediante decreto, sexan declaradas así polo Consello da Xunta.
TÍTULO II
Do Banco de Terras de Galicia e do seu órgano de xestión
Capítulo I
Do Banco de Terras de Galicia
Artigo 4. O Banco de Terras de Galicia.
1. O Banco de Terras de Galicia é un instrumento
no que figuran inventariados todos os predios rústicos vinculados aos
destinos especificados no artigo 5.2 desta lei, independentemente da
súa titularidade, que, segundo os casos, pertencerá á Comunidade
Autónoma, aos particulares e outros cedentes ou á sociedade Bantegal,
da que se prevé a creación nesta lei.
2. Forman parte do Banco de Terras de Galicia:
a) As masas comúns e os predios sobrantes das
adxudicacións dos lotes de substitución, así que transcorra un ano
desde que o acordo de concentración sexa firme, agás as terras que
teñan outro destino.
b) Os predios rústicos adquiridos pola sociedade
Bantegal, como consecuencia do exercicio dos dereitos de adquisición
preferente regulados nesta lei.
c) Os predios rústicos ou os dereitos sobre estes que estean adscritos ao Bantegal.
d) Os bens ou os dereitos de natureza rústica que
a Comunidade Autónoma lle adscriba de conformidade coa normativa
patrimonial vixente.
e) Os predios rústicos ou as explotacións
agrarias, ou ben os dereitos sobre estes, cedidos para o seu uso e
aproveitamento por calquera ente público ou privado.
f) Os predios rústicos postos á disposición da sociedade Bantegal polos seus titulares.
3. Os bens descritos nas letras a), b) e c) da
alínea anterior serán de titularidade da sociedade Bantegal. Nos
previstos nas letras d), e) e f), sexan de titularidade pública ou
privada, a sociedade Bantegal terá o dereito de uso e aproveitamento
sobre eles.
4. O Bantegal deberá respectar nas súas
actuacións os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade
propios da contratación administrativa, consonte o disposto na Lei
10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que
teña participación maioritaria a Xunta de Galicia, así como a restante
normativa legal vixente. En todo caso, nos contratos que subscriba con
terceiros, para a execución dos servizos que se lle encomenden prestar,
incluiranse as cláusulas que resulten pertinentes para a axeitada
defensa dos intereses públicos.
Artigo 5. Formalización de actos e destino dos bens e dos dereitos do Banco de Terras de Galicia.
1. Todos os actos e contratos que supoñan a
incorporación en propiedade ao Banco de Terras ou a transmisión da
propiedade de bens do Banco de Terras de Galicia serán formalizados en
escritura pública e inscritos no rexistro da propiedade.
2. Os bens e os dereitos incorporados ao Banco de Terras de Galicia terán os seguintes destinos:
a) Ampliación da base territorial de explotacións
existentes e en funcionamento, así como ampliación e mellora da base
territorial dos proxectos agrarios prioritarios.
b) Primeira instalación de persoas agricultoras mozas.
c) Creación ou ampliación da base territorial de
cooperativas agrarias e de explotación comunitaria da terra, sociedades
agrarias de transformación, sociedades mercantís e outras asociacións e
entidades legalmente constituídas, sempre que sexa para actividades
agrarias.
d) Establecemento de novos asentamentos,
fundamentalmente nas zonas gravemente afectadas polo envellecemento da
poboación ou polo éxodo rural.
e) Aseguramento das condicións necesarias para
lles facilitar terra a cantas persoas desexen dedicarse á agricultura
en explotacións agrarias existentes ou de nova creación.
f) Favorecemento das condicións das explotacións
dirixidas ou explotadas maioritariamente por mulleres e da primeira
instalación destas.
g) Establecemento de campos de investigación e
experimentación agraria xestionados directamente pola sociedade
Bantegal, pola Xunta de Galicia nos termos que se fixen no
correspondente convenio coa sociedade ou para a súa cesión a entes
públicos ou privados sen ánimo de lucro que o soliciten.
h) Incorporación ao patrimonio público por
conveniencia ambiental, declarada polo órgano competente en materia de
medio ambiente, ou por outros motivos de interese social determinado.
i) Posibilidade de lles facilitar o acceso á
terra ás mulleres labregas que sofren violencia de xénero e que, como
consecuencia dela, tiveron que abandonar a súa casa e as súas terras. O
Bantegal deberalles dar prioridade a estes expedientes de acceso ás
terras.
Artigo 6. Publicidade dos bens do Banco de Terras de Galicia.
A sociedade Bantegal manterá unha relación
permanentemente actualizada, con indicación da procedencia dos bens, da
titularidade e do seu destino actual, de todos aqueles inmobles e
dereitos reais que integren o Banco de Terras de Galicia, á disposición
do órgano competente en materia de agricultura e dos interesados que o
soliciten, con sometemento, en todo caso, á normativa vixente respecto
da protección de datos.
Capítulo II
Da sociedade pública Bantegal
Artigo 7. A sociedade pública Bantegal e o seu réxime xurídico.
1. Créase a Sociedade Anónima Xestora do Banco de
Terras de Galicia, Bantegal, como unha sociedade pública autonómica das
previstas no artigo 12.1.a) da Lei de réxime financeiro e orzamentario
de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro,
e no artigo 45 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da
Comunidade Autónoma galega, que axustará a súa actuación ao disposto na
lexislación de contratos públicos e á normativa comunitaria aplicable.
2. Para o cumprimento dos fins establecidos no
artigo 5.2 desta lei, atribúeselle á sociedade pública Bantegal a
titularidade dos bens inmobles patrimoniais constituídos polas masas
comúns e polos predios sobrantes das adxudicacións dos lotes de
substitución que, na data de entrada en vigor desta lei, figuren no
Inventario do Patrimonio da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da súa
devolución ao patrimonio autonómico para o caso de incumprimento dos
fins para os que foron atribuídos ou de disolución da sociedade pública.
Igualmente, as masas comúns e os predios
sobrantes das adxudicacións dos lotes de substitución daquelas zonas de
concentración parcelaria que adquiran firmeza con posterioridade á
entrada en vigor desta lei incorporaranse ao patrimonio da sociedade
pública Bantegal logo de transcorrer un ano desde que adquiran firmeza,
sen prexuízo da adxudicación que deses predios se realice, por decisión
do órgano competente en materia de agricultura, como consecuencia de
actas complementarias ou de rectificación da reorganización da
propiedade posteriores a esa data.
Artigo 8. Funcións.
1. Sen prexuízo das funcións que o Consello da
Xunta lle atribúa nos seus estatutos, a sociedade Bantegal, como medio
propio instrumental e servizo técnico da Administración da Comunidade
Autónoma, ten como obxectivo principal a xestión dos bens e dos
dereitos incorporados ao Banco de Terras de Galicia, e está obrigada a
realizar os traballos que se lle encomenden, nas materias que
constitúan o seu obxecto social e, especialmente, nas que sexan
urxentes ou se lle ordenen como consecuencia de situacións de
emerxencia.
2. Encoméndaselle, ademais, á sociedade Bantegal
a realización da función de servizo de transmisión mediante
arrendamento respecto dos predios rústicos procedentes de explotacións
nas que cesase anticipadamente a persoa titular, sen seren cedidas a
terceiras persoas.
3. Dada a súa condición de medio propio
instrumental e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma
de Galicia, as relacións da sociedade Bantegal e, de ser o caso, das
súas filiais con aquela teñen natureza instrumental e non contractual,
polo que, en consecuencia, son de carácter interno, subordinado e
dependente.
TÍTULO III
Do réxime xurídico da incorporación de bens ao Banco de Terras de Galicia
Capítulo I
Dos dereitos de adquisición preferente
Artigo 9. Dereito de adquisición preferente.
1. No marco desta lei, a sociedade pública
Bantegal gozará dun dereito de adquisición preferente, que exercitará
conforme as normas de dereito privado e que se concretará consonte o
previsto nos artigos seguintes, ante calquera transmisión a título
oneroso ou negocio xurídico gratuíto inter vivos de predios rústicos
situados nas zonas de especial interese agrario, sen prexuízo do
establecido na Lei de dereito civil de Galicia e no Código civil.
2. Non haberá lugar ao exercicio dos dereitos de
tenteo e retracto desenvolvidos nos artigos 10 e 11 desta lei, nas
transmisións gratuítas inter vivos, a favor de persoas que teñan a
condición de fillos e descendentes, ascendentes ou parentes
consanguíneos ata o terceiro grao e mais a favor do cónxuxe ou da
persoa que estivese convivindo co transmitente no momento no que se
produza o feito, neste último caso sempre e cando se cumpran os
requisitos previstos na disposición adicional terceira da Lei 2/2006,
do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, nin nas achegas de bens
realizadas por un cónxuxe á súa sociedade de gananciais.
Non haberá tampouco lugar ao exercicio dos
referidos dereitos nos casos de transmisións a favor daqueles que teñan
a condición de persoa titular de explotación agraria, persoa
profesional da agricultura, persoa agricultora a título principal ou
moza. Para estes efectos, a acreditación das devanditas condicións será
realizada mediante informe do órgano que corresponda da consellería
competente en materia de agricultura.
3. Os dereitos de tenteo e retracto previstos
neste artigo serán preferentes respecto de calquera outro dereito de
adquisición establecido pola lexislación vixente, agás os retractos de
graciosa, o da persoa arrendataria de arrendamentos rústicos, incluídos
os históricos, o de lugar acasarado ou parzaría e do de persoas que
teñan a condición de lindeiros, coherdeiros e comuneiros e mais o de
propietarios lindeiros que sexan titulares de explotacións
prioritarias, nos termos establecidos na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de
dereito civil de Galicia, no Código civil e na Lei 19/1995, do 4 de
xullo, de modernización das explotacións agrarias.
4. As adquisicións realizadas pola sociedade
Bantegal como consecuencia do dereito de tenteo regulado no artigo 10
desta lei non obstarán o exercicio dos dereitos de retracto polos
lindeiros, coherdeiros ou comuneiros.
5. O exercicio destes dereitos, así como a
renuncia a eles, requirirá informe favorable da consellería competente
en materia de agricultura.
6. O prezo por aboar en todos os supostos nos que
se exerzan os dereitos de adquisición preferente previstos nesta lei
incluirá, ademais do prezo da transmisión ou, de ser o caso, da
valoración do ben, os custos do contrato e calquera outro pagamento
lexítimo feito para a transmisión, os custos necesarios e útiles feitos
na cousa transmitida e mais os impostos satisfeitos como consecuencia
da transmisión.
Artigo 10. Procedemento para o exercicio do dereito de tenteo.
1. As persoas titulares de predios rústicos
situados en zonas de especial interese agrario deberanlle notificar á
sociedade Bantegal, por calquera medio que permita ter constancia da
súa recepción, a decisión de transmitiren os predios en todo ou en
parte, ou participacións indivisas sobre eles.
2. Na devandita notificación farase constar a
descrición e os datos catastrais e, de ser o caso, rexistrais do ben
que se pretende transmitir, os de identificación e profesión das
persoas transmitinte e adquirente, así como o destino que se lle quere
dar ao predio ou á explotación e mais o prezo ou, de ser o caso, a
valoración do ben e a forma de pagamento proxectados, de a transmisión
ser onerosa.
Os efectos de tal notificación caducarán aos seis
meses seguintes a ela e toda transmisión realizada ao transcorrer este
prazo entenderase efectuada sen a devandita notificación, para os
efectos do exercicio do dereito de retracto.
3. A sociedade Bantegal poderá exercitar o
dereito de tenteo durante o prazo de trinta días hábiles a partir do
seguinte ao da recepción da notificación, agás que esta fose incompleta
ou defectuosa. Neste último caso, a sociedade Bantegal poderalle
requirir á persoa transmitente os datos incompletos ou a corrección dos
defectos, polo que queda entre tanto en suspenso o prazo sinalado.
Antes de que remate o prazo para o exercicio do
dereito de tenteo, a sociedade Bantegal deberalle comunicar á persoa
interesada a súa renuncia a el, e neste caso poderá levarse a cabo de
xeito inmediato a transmisión proxectada. O dereito de tenteo caducará
de non se exercitar no prazo establecido.
Artigo 11. Procedemento para o exercicio do dereito de retracto.
1. A sociedade Bantegal poderá exercitar o
dereito de retracto cando non se lle fixese a notificación prevista no
artigo precedente, se omitise nela calquera dos requisitos establecidos
e non se atendese o requirimento feito pola sociedade Bantegal para a
súa corrección, se producise a transmisión despois de ter caducada a
notificación ou antes de que caducase o dereito de tenteo, así como
cando se realizase a transmisión en condicións distintas das
notificadas.
2. Este dereito exercitarase no prazo de trinta
días hábiles, contados desde o seguinte ao da notificación da
transmisión efectuada, que a persoa adquirente lle deberá realizar, no
prazo de quince días hábiles seguintes ao asinamento do contrato polo
que se realice a transmisión, á sociedade Bantegal, na que se indiquen
as condicións nas que se efectuou, mediante entrega de copia do
documento no que se tivese formalizado. De non se realizar a
notificación, o prazo de trinta días hábiles contarase desde que o
Bantegal tivese coñecemento da transmisión efectuada e das súas
condicións.
3. Se a transmisión se producise como
consecuencia dun procedemento de execución xudicial, a persoa que
resulte adxudicataria verase obrigada a darlle coñecemento da
resolución ao seu favor á sociedade Bantegal. Neste suposto o dereito
de retracto deberase exercitar no prazo de quince días hábiles,
contados desde o día seguinte á recepción da devandita notificación, e
aboarase como prezo o fixado xudicialmente no remate, sen prexuízo de
aboar os demais custos establecidos na alínea 6 do artigo 9 desta lei.
4. O titular da notaría deberalle notificar á
sociedade Bantegal calquera transmisión na que teña intervido respecto
dun predio rústico situado nunha zona de especial interese agrario.
Farase mediante a remisión de copia simple da escritura, na que
constará a xustificación de ter procedido o transmitente á realización
da notificación prevista no artigo 10 desta lei, e cos requisitos
recollidos nela, ou, de ser o caso, a renuncia da sociedade Bantegal ao
exercicio do dereito de tenteo.
Artigo 12. Inscrición rexistral.
Non se poderán inscribir no rexistro da
propiedade as transmisións efectuadas sobre os predios rústicos
situados en zonas de especial interese agrario se non se acreditase a
realización das notificacións previstas nos artigos precedentes cos
requisitos previstos neles.
Capítulo II
Da incorporación de predios rústicos ao Banco de Terras de Galicia para a súa xestión
Artigo 13. Cesión temporal de predios rústicos ao Banco de Terras de Galicia.
1. As entidades públicas, de acordo coa súa
lexislación aplicable, así como os particulares, poderanlle ceder á
sociedade Bantegal, logo de aceptación expresa por parte do órgano
correspondente dela, a xestión do uso e do aproveitamento dos predios
rústicos dos que sexan titulares situados en zonas de especial interese
agrario, para a súa integración no Banco de Terras de Galicia.
2. A cesión da xestión dun predio rústico a favor
do Bantegal leva de seu a autorización para que a sociedade lles ceda o
seu uso e aproveitamento a terceiras persoas por un período máximo de
cinco anos, sen prexuízo do consentimento ao que fai referencia o
artigo 19.5 desta lei.
3. A cesión realizarase mediante contrato
subscrito pola persoa cedente e o órgano que corresponda da sociedade
Bantegal, onde se determinarán as condicións, os dereitos e as obrigas
das partes, as causas e os efectos de resolución do contrato.
4. O propietario ou o titular poderalle solicitar
o rescate da cesión ao Bantegal en calquera momento, agás no caso de
arrendamento, no que non o poderá facer ata a extinción deste. A
petición será resolta nun prazo non superior a un mes.
5. Os bens transmitidos continuarán, de ser o
caso, inscritos no rexistro da propiedade a nome da persoa que teña a
condición de propietario.
6. Os propietarios cedentes de predios ao Banco
de Terras de Galicia procederán a pór á disposición do Bantegal, por
pedimento deste e para efectos de consulta, todos os documentos que
teñan que ver coa propiedade dos devanditos predios.
7. O Bantegal non aceptará cesións gratuítas
cando iso poida implicar a asunción de gravames, cargas ou afeccións
que excedan o valor da cesión.
Artigo 14. Efectos da cesión.
1. A cesión da xestión do uso e do aproveitamento
dos predios rústicos no Bantegal entenderase sen prexuízo de que a
persoa propietaria ou titular poida seguir a realizar a explotación
deles, así como o cultivo, as melloras e as demais actuacións que
considere precisas, e non a exime de efectuar os labores de
conservación e mantemento, en tanto a sociedade Bantegal non dispoña a
súa posterior cesión a terceiras persoas.
2. Calquera actuación que afecte de xeito
singular as características da explotación ou do predio do que a
xestión foi cedida e mais o seu valor deberalle ser comunicada á
sociedade Bantegal cunha antelación mínima de trinta días naturais,
para o seu coñecemento, agás supostos de forza maior ou outras
circunstancias imprevisibles, que se deberán comunicar coa maior
brevidade despois do seu acontecemento.
3. A sociedade Bantegal poderá establecer unha
comisión por gastos de xestión non superior ao cinco por cento do prezo
e tipo da posterior cesión a terceiras persoas, que será descontada das
liquidacións efectuadas á persoa titular do predio rústico.
4. De se resolver, por causas imputables ao seu
propietario, o contrato con anterioridade á cesión a terceiras persoas
do uso e do aproveitamento do predio rústico, aquel deberalle aboar á
sociedade Bantegal unha comisión por gastos de xestión, sen prexuízo
das indemnizacións que procedan.
5. Non se poderá solicitar a resolución do
contrato de cesión da xestión do uso e do aproveitamento dun predio no
caso de vixencia do contrato de cesión asinado con terceiras persoas.
6. Ao ter rematado o período pactado
contractualmente, a sociedade Bantegal garantirá para a persoa
propietaria ou titular o rescate do predio nas mesmas condicións de uso
nas que se entregou.
7. Durante o período da cesión ao Bantegal
poderanse producir alteracións de dominio ou titularidade do predio
cedido, sempre que leven implícita a subrogación do pacto contractual
coas terceiras persoas.
TÍTULO IV
Da transmisión dos bens incorporados ao Banco de Terras de Galicia
Artigo 15. Réximes de adxudicación.
1. A sociedade pública Bantegal poderá transmitir
os bens e os dereitos integrantes do Banco de Terras de Galicia
mediante os réximes de adxudicación que deseguido se establecen, en
función da titularidade do ben de que se trate:
a) Os bens e os dereitos de titularidade da
sociedade pública Bantegal poderánselles adxudicar a terceiras persoas,
tanto en propiedade coma en réxime de cesión do uso ou do
aproveitamento, de acordo coas condicións específicas de cada ben,
segundo determine a consellería competente en materia de agricultura
por proposta da sociedade Bantegal.
b) Os bens e os dereitos de titularidade de entes
públicos ou privados postos á disposición da sociedade pública Bantegal
só poden cedérselles a terceiras persoas para o seu uso e
aproveitamento por tempo determinado, en réxime de concesión ou
arrendamento.
2. Uns e outros quedarán necesariamente
vinculados aos fins establecidos no artigo 5.2 desta lei. En calquera
caso, será causa de resolución do contrato o incumprimento do destino
do predio.
Capítulo I
Do alleamento de bens e dereitos de titularidade da sociedade Bantegal
Artigo 16. Condicións xerais.
O alleamento farase polo procedemento de poxa
pública ou concorrencia, agás cando a consellería competente en materia
de agricultura, logo de solicitude da sociedade Bantegal, autorice,
individual ou xenericamente, a adxudicación directa dun ben e dereito,
mediante acordo motivado con base nos requisitos do artigo 18 desta lei.
Artigo 17. Alleamento mediante poxa pública ou concorrencia.
1. Nos supostos de adxudicación mediante poxa pública, o prego de condicións conterá, polo menos, os seguintes extremos:
a) O obxecto e a súa descrición.
b) O prezo tipo en función dos valores fixados polo Consello da Xunta segundo o informe da Comisión Técnica de Prezos e Valores.
c) A condición de persoa titular de explotación
agraria, persoa profesional da agricultura, persoa agricultora a título
principal ou moza nos ofertantes, o modo de acreditala e o destino
agrario dos predios obxecto de adxudicación.
d) A obriga de constituír un depósito previo do
vinte por cento do prezo tipo para poder participar na poxa e no
procedemento de ingreso.
2. Nos supostos de adxudicación en réxime de concorrencia, o prego de condicións conterá, polo menos, os seguintes extremos:
a) O obxecto e a súa descrición.
b) O prezo tipo en función dos valores fixados polo Consello da Xunta segundo o informe da Comisión Técnica de Prezos e Valores.
c) A acreditación ou o compromiso de destino agrario dos bens obxecto de adxudicación.
d) A obriga de constituír un depósito previo do
vinte por cento do prezo tipo para poder participar na poxa e no
procedemento de ingreso.
e) Os criterios de adxudicación, coa súa
ponderación, que, ademais do prezo, deberá ter en conta os factores
previstos no artigo 5.2 desta lei.
3. Os procedementos que se deben seguir
determinaranse regulamentariamente. En todo caso, a realización da poxa
deberase anunciar no Diario Oficial de Galicia cunha antelación mínima
de trinta días hábiles.
Artigo 18. Alleamento mediante adxudicación directa.
1. A adxudicación directa de bens e dereitos de
titularidade da sociedade Bantegal deberase motivar na concorrencia,
polo menos, dalgunha das seguintes circunstancias:
a) Lindes do predio ou dos predios, logo de
ofrecemento ás persoas titulares de todos os predios lindeiros; no caso
de concorrencia aplicarase o establecido no artigo 1523 do Código civil.
b) Incorporación ao patrimonio público das
administracións por conveniencia ambiental ou outros motivos de
interese social determinado.
c) Acceso ás terras por parte de mulleres
labregas que sofren violencia e que tiveron que abandonar a súa casa e
as súas terras pola violencia de xénero.
2. O prezo de adxudicación directa será fixado en
función dos valores determinados polo Consello da Xunta segundo o
informe da Comisión Técnica de Prezos e Valores.
Capítulo II
Da cesión a terceiras persoas por tempo determinado
Artigo 19. Cesións dos predios rústicos a terceiras persoas.
1. Os predios rústicos integrantes do Banco de
Terras de Galicia poderanlles ser cedidos pola sociedade Bantegal a
terceiras persoas para o seu uso e aproveitamento, mediante calquera
negocio xurídico válido en dereito, por tempo determinado.
2. No caso de concorrencia de solicitudes de
cesión sobre un mesmo predio, nos criterios de adxudicación deberanse
ter en conta, coa ponderación que se determine, os factores
establecidos no artigo 5.2 desta lei.
3. O contrato de cesión será formalizado pola
sociedade Bantegal como cedente e a terceira persoa como cesionaria. As
cláusulas do contrato deberán conter as seguintes determinacións:
a) O prazo de vixencia da cesión, que non poderá ser superior a trinta anos.
b) As condicións da cesión e as causas e os efectos de resolución ou caducidade.
c) O prezo tipo será establecido pola sociedade
Bantegal, e non poderá ser nunca diferente dos valores que, para ese
ano, teña establecido o Consello da Xunta, logo de informe da Comisión
Técnica de Prezos e Valores, a menos que exista mutuo acordo entre o
propietario e o cesionario.
4. A cesión polo Bantegal a terceiras persoas,
así como as sucesivas prórrogas, deberanlle ser comunicadas para o seu
coñecemento, de ser o caso, á persoa titular do predio cunha antelación
mínima dun mes antes da entrada en vigor do contrato subscrito.
5. A cesión polo Bantegal a terceiras persoas por
un período superior a cinco anos, incluídas as prórrogas ou as
renovacións, requirirá, de ser o caso, o consentimento expreso da
persoa titular do predio rústico.
6. A sociedade Bantegal comunicaralle ao rexistro
da propiedade que corresponda a subscrición do contrato de cesión con
terceiros, para os efectos de realizar, de ser o caso, a oportuna
inscrición da cesión e do seu prazo.
7. A sociedade Bantegal, con cargo aos seus
orzamentos ou polos seus propios medios, pola contratación de medios
alleos ou polos convenios con terceiros, poderá realizar labores de
acondicionamento dos predios nos tres meses seguintes ao inicio do
período do contrato de cesión a terceiras persoas, por pedimento
destas, e nos tres meses seguintes ao termo do período dese mesmo
contrato, por pedimento da persoa propietaria, para mellorar as
condicións agronómicas dos predios.
Artigo 20. Garantía da renda á persoa titular do predio rústico.
No caso dos predios rústicos cedidos para a súa
xestión á sociedade Bantegal, esta reembolsaralle periodicamente á
persoa titular do predio rústico o importe que lle corresponda en
concepto de renda pola cesión a terceiros, e garantirá a súa percepción
con indiferenza do cumprimento ou do incumprimento da relación
contractual pola persoa beneficiaria da cesión, sen prexuízo da
dedución das comisións que se poidan establecer.
Artigo 21. Efectos do acceso á propiedade por parte da persoa beneficiaria da cesión.
Se no período de vixencia do contrato a persoa
beneficiaria da cesión accedese á propiedade do predio por algún
título, quedará extinguida a relación contractual coa sociedade
Bantegal, co simultáneo rescate do predio ou da explotación pola nova
persoa titular.
Artigo 22. Causas e procedemento para a resolución das cesións.
1. As cesións outorgadas polo Bantegal sobre os
bens integrados no Banco de Terras de Galicia poderán ser resoltas logo
de tramitación de expediente contraditorio, con audiencia da persoa
beneficiaria da cesión, no que se acredite a existencia dalgunha das
causas de resolución previstas na normativa reguladora do negocio
xurídico de que se trate. Serán ademais causas de resolución:
a) O incumprimento do destino do predio especificado no contrato de entre os previstos no artigo 5.2 desta lei.
b) A declaración firme en vía administrativa do predio como inculto, abandonado ou en estado de grave abandono.
2. Será competente para a tramitación do
expediente a sociedade Bantegal. Antes da declaración de resolución,
ofreceráselle á persoa beneficiaria da cesión a posibilidade de cumprir
as súas obrigas no prazo que se determine previamente durante a
tramitación do devandito expediente contraditorio.
3. No acordo que declare resolta a cesión,
efectuarase a liquidación desta con valoración expresa e detallada das
melloras útiles e subsistentes realizadas pola persoa beneficiaria da
cesión, para os efectos do seu pagamento, con dedución dos danos e das
perdas existentes no predio, e fixarase o prazo máximo no que deberá
proceder ao desaloxamento, que non poderá ser superior a dous meses e
comezará a contar ao día seguinte ao da recepción da notificación de
non existir colleita pendente e, de existir, ao do seguinte a ser
recollida.
Artigo 23. Supostos de subrogación.
1. Os dereitos de uso e aproveitamento sobre predios rústicos incorporados ao Banco de Terras son indivisibles.
2. No suposto de falecemento, xubilación ou
cesamento na actividade agraria da persoa cesionaria, os dereitos de
uso e aproveitamento serán transmisibles a favor das seguintes persoas
e na orde que se establece:
a) O cónxuxe ou a persoa que estivese convivindo
con el no momento no que se produza o feito; neste último caso sempre e
cando se cumpran os requisitos previstos na disposición adicional
terceira da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.
b) Os fillos e os descendentes, sen prexuízo da
posible substitución nos casos dos premortos ou das renuncias, que
teñan dedicación directa e persoal á explotación, con preferencia, de
seren varios, do elixido por el ou, no seu defecto, por elección
maioritaria entre eles e, na súa falta, polo de maior idade.
c) Os fillos e os descendentes do cónxuxe ou da persoa que convivise co cesionario, nas mesmas condicións da alínea anterior.
d) As persoas traballadoras da explotación, por orde de antigüidade.
3. A persoa que sexa a nova cesionaria deberá ser
maior de idade ou emancipada e reunir ou estar en situación de adquirir
as condicións determinantes do contrato, e subrogarase no seu título,
coas mesmas condicións, dereitos e obrigas, logo de autorización da
sociedade Bantegal.
4. O prazo para realizar a subrogación será de
seis meses desde que se produciu o feito causante, e o pagamento da
renda durante o devandito prazo corresponderalle á persoa que sexa a
nova cesionaria.
Capítulo III
Proxectos agrarios prioritarios
Artigo 24. Proxectos agrarios prioritarios.
1. Poderán ser declarados como proxectos agrarios
prioritarios, para os efectos de promover a mellora ou, de ser o caso,
a dotación da súa base territorial produtiva, aqueles nos que concorra
algunha das seguintes características:
a) Que faciliten a ampliación ou a implantación
de explotacións con dimensións e estruturas que favorezan a creación de
emprego, especialmente se é de xente moza e/ou mulleres.
b) Que impulsen a ampliación ou a creación da base territorial de cooperativas ou doutras asociacións agrarias.
c) Que contribúan ao establecemento ou á fixación da poboación nas zonas especialmente afectadas polo envellecemento dela.
2. A declaración como prioritario dun proxecto
agrario corresponderalle ao Consello da Xunta, por proposta da
consellería competente en materia agraria e/ou forestal, cando o
proxecto sexa desa natureza.
3. Os proxectos que en virtude desta lei se
declaren prioritarios terán dereito de preferencia para a
dispoñibilidade dos predios integrantes do Banco de Terras de Galicia.
TÍTULO V
Das medidas tributarias e de fomento
Artigo 25. Medidas tributarias.
1. As transmisións de predios rústicos do Banco
de Terras de Galicia, por medio do seu alleamento ou cesión a través
dos mecanismos previstos nesta lei, gozarán dunha dedución na cota
tributaria do noventa e cinco por cento no imposto de transmisións
patrimoniais e actos xurídicos documentados. Este beneficio fiscal será
incompatible con calquera outro que lle puidese ser aplicable a esas
transmisións.
2. A aplicación do devandito beneficio fiscal
quedará condicionada ao mantemento durante un período mínimo de cinco
anos do destino agrario do predio, agás nos supostos de expropiación
para a construción de infraestruturas públicas ou da edificación de
instalacións ou construcións asociadas á explotación agraria.
3. No caso de incumprimento da antedita
condición, o beneficiario deberá ingresar o importe do beneficio gozado
máis os xuros de mora, mediante a presentación dunha autoliquidación
complementaria no prazo de trinta días hábiles desde o incumprimento da
condición.
Artigo 26. Axudas e subvencións.
1. A consellería competente en materia de
agricultura, directamente ou por encomenda á sociedade Bantegal, poderá
establecer liñas de axudas destinadas á limpeza, a posta en cultivo e
as melloras, incluso de carácter permanente, nos predios cedidos á
sociedade, das que poderán ser beneficiarios tanto os cedentes coma os
cesionarios dos predios rústicos.
2. Tamén poderá subscribir, ben directamente ou a
través das entidades crediticias, os oportunos convenios de
colaboración para a concesión de préstamos ou subvencións ás persoas
beneficiarias da cesión de predios xestionados pola sociedade Bantegal,
ben para a súa adquisición ou ben para a limpeza, a posta en cultivo ou
as melloras.
TÍTULO VI
Da Comisión Técnica de Prezos e Valores
Artigo 27. Aprobación dos prezos.
Os valores dos prezos aos que se fai referencia
nesta lei serán aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, como
valores de referencia máximos para as transaccións que realice a
sociedade Bantegal, logo de informe da Comisión Técnica de Prezos e
Valores, e serán de aplicación obrigatoria nas transaccións efectuadas
pola sociedade Bantegal.
Artigo 28. Comisión Técnica de Prezos e Valores.
1. Para os efectos referidos, créase a Comisión
Técnica de Prezos e Valores, adscrita á consellería competente en
materia de agricultura, coa composición e coas funcións que se sinalan
nesta lei.
2. Forman parte da Comisión Técnica de Prezos e Valores:
a) Unha presidencia, nomeada pola consellería competente en materia de agricultura.
b) Unha vogalía nomeada pola consellería competente en materia de economía.
c) Unha vogalía nomeada pola consellería competente en materia de ordenación do territorio.
d) Unha vogalía nomeada pola consellería competente en materia de medio ambiente.
e) Unha vogalía nomeada polo organismo representativo dos municipios e das provincias galegas.
f) Unha vogalía nomeada pola Xerencia Territorial do Catastro.
g) Unha vogalía nomeada polo asociacionismo do cooperativismo agrario galego.
h) Tres vogalías nomeadas polos representantes das organizacións profesionais agrarias pertencentes ao Consello Agrario Galego.
3. O consello de administración da sociedade
Bantegal poderá nomear ata tres representantes na Comisión Técnica de
Prezos e Valores, con dereito a voz pero sen voto.
4. Na secretaría, con dereito a voz pero sen
voto, actuará un funcionario ou funcionaria da consellería competente
en materia de agricultura.
5. O funcionamento da comisión axustarase ao
disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, título II, capítulo II, sobre
órganos colexiados.
Artigo 29. Informe anual.
1. A Comisión Técnica de Prezos e Valores
recibirá o informe anual de actividades da sociedade Bantegal e os
informes sobre prezos e valores que elaboren os servizos técnicos
agrarios da consellería competente en materia de agricultura e a propia
sociedade Bantegal.
2. Polas evidentes diferenzas nas distintas zonas
do país e mesmo pola variabilidade ao longo do tempo, a Comisión
Técnica de Prezos e Valores emitirá un informe anual preceptivo para a
fixación polo Consello da Xunta dos prezos que debe aplicar a sociedade
Bantegal, no que constará:
a) O prezo tipo que establecerá a sociedade
Bantegal nos contratos de cesións e outras transaccións, determinado
por zonas xeográficas en función de parámetros como produtividade,
localización, configuración xeofísica e aqueloutros que tecnicamente se
consideren.
b) Aqueloutras consideracións e recomendacións
que considere oportunas respecto da xestión do Banco de Terras de
Galicia e da súa sociedade xestora.
TÍTULO VII
Dos predios incultos ou abandonados
Capítulo I
Das condicións para a súa declaración
Artigo 30. Obxecto.
Poderán ser declarados predios incultos ou
abandonados, coas consecuencias que se establecen nesta lei e nas
normas que a desenvolvan, aqueles que radiquen nas zonas de especial
interese agrario e nos que se dean as seguintes condicións:
a) Predio inculto: predio rústico sometido a
explotación agraria ata tempos recentes sen que na actualidade se
realice ningunha práctica laboral e ningún cultivo sobre este, que
mostra unha cobertura evidente de matogueira ou dos seus restos, no
caso de ter ardido, de especies leñosas e arbustivas, cunha porcentaxe
de ocupación superior ao cincuenta por cento de extensión superficial e
un porte medio superior a cincuenta centímetros.
b) Predio abandonado: predio rústico non sometido
a ningunha práctica de cultivo ou mínimo laboreo, non cultivado nin
destinado a pastoreo, nin ao mantemento dunha cuberta vexetal adecuada
desde o punto de vista ambiental, cunha porcentaxe de ocupación de
matogueira e dos seus restos superior ao setenta e cinco por cento de
extensión superficial e un porte medio superior a cincuenta
centímetros, así como as plantacións forestais realizadas en terras de
vocación produtiva agraria cando a cuberta vexetal de sotobosque, de
natureza herbácea ou arbustiva, presente un estado que propicie de
forma grave a aparición do lume.
c) Predio en situación de grave abandono: predio
inculto ou abandonado que, pola súa situación, poida favorecer a
aparición e a propagación do lume, fenómenos de erosión e unha especial
incidencia de malas herbas, pragas ou enfermidades que poidan afectar
os predios lindeiros, ou no que a súa falta de mantemento permita o
desenvolvemento incontrolado de vexetación espontánea invasora que
ameace con romper o tradicional equilibrio agroecolóxico do predio ou
da zona de cultivo determinada e con afectar por extensión os agros de
cultivo circundantes.
Artigo 31. Excepcións.
Non procederá a declaración como predio inculto ou abandonado nos seguintes supostos:
a) Os predios que estean incorporados ao Banco de
Terras de Galicia, agás os que a sociedade Bantegal teña cedido a
terceiras persoas.
b) Os que se atopen en proceso de concentración
parcelaria, desde o inicio das obras da rede de camiños principais ata
transcorridos seis meses desde a toma de posesión.
c) Os predios que por conveniencia ambiental,
destino cinexético ou circunstancias análogas de interese social
determinado, declarados polo órgano que corresponda da consellería
competente en materia de medio ambiente, fagan inviable a súa
explotación agraria, sempre que reciban os axeitados labores de
mantemento e que non representen risco de lume nin prexuízo para os
lindeiros.
d) Os predios rústicos en situación de barbeito
ou poulo, sempre que a súa situación non poida favorecer fenómenos de
erosión ou de aparición do lume, así como invasión de malas herbas,
pragas ou enfermidades que representen prexuízo para os lindeiros.
e) Aqueles sobre os que se realice, cando menos,
agricultura de conservación, entendendo por tal as diversas prácticas
agronómicas adaptadas ás condicións locais dirixidas a alterar o menos
posible a composición, a estrutura e a biodiversidade dos solos
agrícolas, coas que se evita así a súa posterior erosión e degradación,
e que non representen risco de lume nin prexuízo para os lindeiros.
Capítulo II
Do procedemento
Artigo 32. Incoación.
A incoación do expediente de declaración de
predio inculto, abandonado ou en situación de grave abandono farase de
oficio na delegación da consellería competente en materia de
agricultura do territorio onde estea situado o predio. Os expedientes
de declaración de predio inculto ou abandonado seranlle remitidos desde
a respectiva delegación provincial á dirección xeral competente na
materia.
Artigo 33. Tramitación.
A tramitación do expediente rexerase polas
disposicións previstas no título VI da Lei 30/1992, do 26 de novembro,
de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común, e no procedemento respectarase en todo caso o
trámite de audiencia aos interesados. En todo caso daráselle traslado
ao órgano competente en materia de medio ambiente para a posible
declaración de conveniencia ambiental para os efectos da aplicación da
excepción prevista no artigo 31.c) desta lei.
Artigo 34. Finalización.
1. A declaración de predio inculto, abandonado ou
en situación de grave abandono faraa a persoa titular da dirección
xeral competente logo de informe dos servizos técnicos da delegación
provincial correspondente.
2. O procedemento deberá ser resolto e notificado
aos interesados no prazo de seis meses, que comezará a contar desde a
data da incoación. Se non fose notificado nese prazo producirase a súa
caducidade, sen prexuízo de que se poida iniciar outro expediente de se
manter a situación de abandono.
Así mesmo, se os servizos técnicos constatasen
que no decurso da tramitación do expediente cesa a situación de
abandono, o órgano competente para resolver o procedemento poderao
declarar finalizado e ordenar o arquivo do expediente.
3. A resolución da dirección xeral poderá ser
obxecto de recurso en alzada perante o conselleiro competente en
materia de agricultura, na forma e no prazo previstos nos artigos 114 e
115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 35. Consecuencias da declaración de predio inculto, abandonado ou en situación de grave abandono.
1. Na resolución que declare estas situacións
outorgarase un prazo, que non excederá de trinta días hábiles, para que
a persoa titular do predio elixa algunha das seguintes opcións:
a) A realización dunha agricultura de conservación, nos termos establecidos no artigo 31.e) desta lei.
b) O seu alleamento, arrendamento ou calquera
outro negocio xurídico válido, en favor de calquera persoa agricultora
profesional ou moza.
c) A súa incorporación ao Banco de Terras de Galicia.
2. Ao terse notificado a opción que se pretenda,
esta deberase levar a cabo no prazo de dous meses seguintes á data na
que a decisión da persoa interesada teña entrada no rexistro do órgano
competente.
3. No caso de interposición de recurso de alzada, entenderase suspendida a executividade da resolución ata a resolución deste.
Artigo 36. Ausencia de propietario.
Se durante a tramitación do expediente se
evidenciase a inexistencia de propietario coñecido, iniciarase o
procedemento legal pertinente para clarificar a propiedade e, de ser o
caso, para a incorporación do predio ao patrimonio público, sen
prexuízo da realización das actuacións que posibiliten a súa
incorporación ao Banco de Terras de Galicia.
TÍTULO VIII
Do réxime sancionador
Artigo 37. A actuación inspectora.
1. A consellería competente en materia de
agricultura desenvolverá actuacións de control e de inspección sobre
todos os predios rústicos situados en zonas de especial interese
agrario e respecto dos proxectos agrarios prioritarios, co fin de
comprobar a súa adecuación ás condicións establecidas nesta lei e nas
normas que a desenvolvan, para garantir a preservación do contorno e
das condicións ambientais.
2. Para estes efectos, o persoal desta
consellería que desenvolva estas funcións ten a condición de axente da
autoridade, e os feitos constatados e formalizados por eles nas
correspondentes actas de inspección e denuncia terán a presunción de
certeza, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos
dereitos e intereses poidan achegar os interesados.
Artigo 38. Infraccións administrativas.
Constitúe infracción administrativa en materia de
abandono calquera acción ou omisión tipificada nesta lei polo que
respecta os predios rústicos situados en zonas de especial interese
agrario.
Artigo 39. Tipificación de infraccións.
As infraccións administrativas en materia de abandono de predios rústicos clasifícanse en leves, graves e moi graves.
1. Consideraranse infraccións de carácter leve:
a) A falta de notificación á Administración da
opción elixida, consonte o establecido no artigo 35.1 desta lei, cando
o predio declarado inculto, abandonado ou en situación de grave
abandono teña unha superficie igual ou inferior a unha hectárea.
b) O incumprimento da realización da opción
elixida no prazo outorgado, consonte o previsto no artigo 35.2 desta
lei, cando o predio declarado inculto, abandonado ou en situación de
grave abandono teña unha superficie igual ou inferior a unha hectárea.
c) As accións e as omisións das que deriven danos
ou perdas para os predios lindeiros e as que afecten a integridade ou o
funcionamento de bens e sistemas públicos, en ambos os casos por
importe inferior a 1.500 euros.
d) A subministración incompleta de información ou
documentación necesarias para as funcións de inspección e control
administrativo.
e) Calquera outro incumprimento das obrigas establecidas nesta lei que non estea tipificado como infracción grave ou moi grave.
2. Consideraranse infraccións graves:
a) A falta de notificación á Administración da
opción elixida, consonte o establecido no artigo 35.1 desta lei, cando
o predio declarado inculto, abandonado ou en situación de grave
abandono teña unha superficie superior a unha hectárea.
b) O incumprimento da realización da opción
elixida no prazo outorgado, consonte o previsto no artigo 35.2 desta
lei, cando o predio declarado inculto, abandonado ou en situación de
grave abandono teña unha superficie superior a unha hectárea.
c) As accións e as omisións das que deriven danos
ou perdas para os predios lindeiros e as que afecten a integridade ou o
funcionamento de bens e sistemas públicos, en ambos os casos por
importe de entre 1.500 e 9.000 euros.
d) A obstrución ou a negativa a subministrar
datos ou a facilitar as funcións de información, vixilancia ou
inspección que practique a Administración da Comunidade Autónoma de
Galicia, así como subministrar información inexacta ou documentación
falsa.
e) O mantemento do predio en situación de
inculto, abandono ou grave abandono tras transcorrer un ano desde a
data da notificación da súa declaración.
3. Consideraranse infraccións moi graves:
a) As accións e as omisións das que deriven danos
ou perdas para os predios lindeiros e as que afecten a integridade ou o
funcionamento de bens e sistemas públicos, en ambos os casos por
importe superior a 9.000 euros.
b) O mantemento do predio en situación de
inculto, abandono ou grave abandono tras transcorrer máis de dous anos
desde a data da notificación da súa declaración.
Artigo 40. Sancións.
1. As infraccións tipificadas nas alíneas do anterior artigo serán sancionadas coas seguintes multas:
a) Infraccións leves: apercibimento ou multa ata 300 euros.
b) Infraccións graves: multa entre 301 e 1.000 euros.
c) Infraccións moi graves: multa entre 1.001 e 3.000 euros.
2. O apercibimento só procederá no suposto de
infraccións leves, sempre e cando a persoa infractora non fose
sancionada con anterioridade por calquera infracción das tipificadas
nesta lei.
Artigo 41. Gradación das sancións.
1. Para a determinación concreta da sanción que
se impoña, de entre as asignadas a cada tipo de infracción, tomaranse
en consideración os seguintes criterios:
a) A existencia de intencionalidade ou simple neglixencia.
b) A reiteración, entendida como a concorrencia de varias irregularidades ou infraccións que se sancionen no mesmo procedemento.
c) A natureza dos prexuízos causados.
d) A reincidencia, por comisión no prazo de dous
anos doutra infracción da mesma natureza, cando así se declarase por
resolución firme. Este prazo comezará a contar desde que a resolución
adquirise firmeza na vía administrativa.
e) A extensión da superficie do predio.
2. Malia o recollido na alínea anterior, a contía
da sanción poderase minorar motivadamente, a xuízo do órgano competente
para resolver segundo o tipo de infracción de que se trate, en atención
ás circunstancias específicas do caso, entre elas o recoñecemento e a
emenda da conduta infractora e a reparación dos danos causados, antes
de que se resolva o correspondente expediente sancionador, cando a
sanción resulte excesivamente onerosa.
3. Os criterios de gradación recollidos na alínea
2 non se poderán utilizar para agravar a infracción cando estean
contidos na descrición da conduta infractora ou formen parte do propio
ilícito administrativo.
4. A proposta de resolución do expediente e a
resolución administrativa que recaia deberán explicitar os criterios de
gradación da sanción tidos en conta, de entre os sinalados na alínea 1
deste artigo. Cando non se considere relevante para estes efectos
ningunha das circunstancias enumeradas, a sanción imporase na contía
mínima prevista para cada tipo de infracción.
Artigo 42. Reparación do dano ou indemnización.
Con independencia da sanción que lles fose
imposta, as persoas infractoras poderán ser obrigadas a reparar o dano
causado á administración ou, de non ser posible, a indemnizar polos
danos e as perdas. Estes danos determinaranse segundo criterio técnico
debidamente motivado na resolución sancionadora, que establecerá a
forma e o prazo nos que a reparación se deberá levar a cabo ou, de ser
o caso, a imposibilidade da reparación e o conseguinte establecemento
da indemnización. En relación cos danos causados, as persoas afectadas
poderán achegar en audiencia e por conta propia informe complementario
de peritaxe dos danos.
Artigo 43. Multas coercitivas e execución subsidiaria.
1. Se os infractores non procedesen á reparación
ou á indemnización na forma e no prazo outorgados na resolución, non
elixisen ningunha das opcións previstas no artigo 35.1 desta lei ou non
a executasen nos termos establecidos na alínea 2 do mesmo artigo, o
órgano que ditou a resolución poderá acordar a imposición de multas
coercitivas ou a execución subsidiaria.
2. As multas coercitivas serán reiteradas por
lapsos de tempo que sexan suficientes para cumprir o ordenado, e o seu
importe non poderá ser superior a 1.000 euros.
3. A execución pola administración da reparación ordenada será por conta do infractor.
Artigo 44. Responsabilidade.
A responsabilidade da infracción recaerá sobre:
1. A persoa física ou xurídica titular do dominio
ou doutro dereito real de gozo sobre os predios, agás a existencia de
calquera tipo de cesión do dereito de uso ou de aproveitamento en favor
dunha terceira persoa.
2. De existir, a persoa física ou xurídica que
sexa titular dos predios en réxime de arrendamento, parzaría ou
calquera outro dereito de uso ou de aproveitamento análogo, agás que no
decurso do expediente demostre que as persoas arrendadoras ou cedentes
lle impiden o normal desenvolvemento dos dereitos de uso ou
aproveitamento dos predios, en cuxo caso a responsabilidade recaería
sobre estas.
3. Os habentes causa das herdanzas indivisas e
comunidades hereditarias, os representantes das herdanzas xacentes, os
cotitulares das sociedades gananciais e das comunidades de bens, os
membros de sociedades civís e entidades carentes de personalidade
xurídica, todos eles propietarios de predios rústicos que constitúan
unha unidade económica ou un patrimonio separado, susceptible de
imposición, agás a existencia de calquera tipo de cesión do dereito de
uso ou de aproveitamento en favor dunha terceira persoa. De ser o caso,
as persoas copartícipes responderán solidariamente das sancións
impostas.
Artigo 45. Órganos sancionadores competentes.
1. O órgano con competencia para incoar o
expediente sancionador será a persoa titular da delegación provincial
correspondente da consellería competente en materia de agricultura do
territorio onde radique o predio, e de existiren varias competentes, a
correspondente á superficie do predio de máis extensión.
2. Os órganos con competencia para a imposición das sancións previstas nesta lei serán os seguintes:
a) Para sancionar infraccións de carácter leve ou
grave, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de
estruturas agrarias.
b) Para sancionar infraccións de carácter moi grave, a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura.
Artigo 46. Duración do procedemento sancionador.
O prazo máximo para resolver e notificar a
resolución expresa que poña fin ao procedemento será dun ano, contado
desde a data de inicio do procedemento administrativo sancionador.
Artigo 47. Prescrición das infraccións.
1. As infraccións leves ás que se refire esta lei prescribirán ao ano, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos.
2. O termo da prescrición comezará a correr desde
o día no que se cometese a infracción, agás no suposto de infraccións
continuadas, no que o prazo de prescrición comezará a contar desde o
momento de finalización da actividade, do último acto co que a
infracción se consuma ou desde que se eliminou a situación ilícita.
3. Interromperá a prescrición da infracción a
iniciación, con coñecemento da persoa presunta responsable, do
procedemento sancionador.
Disposición adicional
Única.-Comunicación de instrumentos de planeamento urbanístico.
Aprobado inicialmente un instrumento de
planeamento urbanístico que afecte predios rústicos incluídos nas zonas
de especial interese agrario ou incorporados ao Banco de Terras de
Galicia, ao mesmo tempo que o trámite de información pública, a
Administración municipal deberá solicitar o informe da consellería
competente en materia de agricultura.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Modificación da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
A Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, queda modificada como segue:
Un.-O artigo 27 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, queda redactado do seguinte xeito:
Artigo 27.
1. Os montes veciñais en man común serán
xestionados cautelarmente pola consellería competente en materia de
montes nas seguintes situacións:
a) Por extinción ou desaparición da comunidade de
veciños titular do monte de xeito provisional ata que, de ser o caso,
se reconstitúa a comunidade, e sempre e cando a parroquia onde radique
o monte non exerza o seu dereito conferido no artigo 20 desta lei.
b) Cando sexa declarada a situación de estado de grave abandono ou degradación do monte veciñal, consonte o previsto nesta lei.
2. A consellería competente en materia de montes
poderá exercitar a xestión cautelar prevista no apartado 1 deste artigo
directamente ou ben mediante a súa encomenda a entes ou empresas das
que o capital sexa integramente público.».
Dous.-O artigo 30 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, queda redactado do seguinte xeito:
Artigo 30.
1. Ao terse decretado un monte en estado de grave
abandono ou degradación, a consellería competente en materia de montes
tomará ao seu cargo no prazo de dous anos a execución do plan de
xestión e mellora integral proposto, e deberalle render conta da súa
xestión á xunta reitora para información á asemblea anual da comunidade.
2. No suposto no que, consonte o previsto no
artigo 27.2 desta lei, se lle teña encomendada a xestión cautelar do
monte veciñal a un ente ou empresa da que o capital sexa integramente
público, a execución do plan de xestión e mellora integral e a
rendición de conta á que se refire o apartado anterior
corresponderanlle ao mesmo ente ou empresa.
3. Os beneficios derivados do plan de mellora e
aproveitamento dos montes xestionados cautelarmente, unha vez deducidos
os gastos e os investimentos na xestión e mellora do monte, serán para
a comunidade. De non existir esta, serán para o concello ou os
concellos onde radique o monte, que os destinará a melloras de interese
xeral nas parroquias correspondentes.».
Segunda.-Modificación da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia.
Un.-Modifícase o artigo 31 da Lei 12/2001, do 10
de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para
Galicia, que queda redactado do seguinte xeito:
Artigo 31.
1. Constituirase unha masa común de terras en
cada zona que se concentre, que se nutrirá cos sobrantes das
adxudicacións dos lotes de substitución.
2. A finalidade da masa común de terras será a
corrección de erros manifestos dos que deriven prexuízos para as
persoas afectadas pola concentración. Ao transcorrer un ano desde que o
acordo de concentración sexa firme, os fondos restantes pasarán a
integrar o Banco de Terras de Galicia, sen prexuízo da adxudicación de
predios integrantes del que se realice por decisión do órgano
competente en materia de agricultura, como consecuencia de actas
complementarias ou de rectificación da de reorganización da propiedade.
3. A titularidade dos bens e dos dereitos que
constitúen a masa común corresponderalle á Comunidade Autónoma de
Galicia durante o ano seguinte á firmeza do acordo de concentración.
Estes bens e dereitos quedarán adscritos á consellería competente en
materia de agricultura, que estará autorizada a exercer as funcións
dominicais sobre este patrimonio segundo o establecido na lexislación
patrimonial, agás cando estean atribuídas pola devandita lexislación ao
Parlamento ou ao Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo do informe
previo da consellería de Economía e Facenda para os actos de
disposición sobre bens inmobles.
A xestión do aproveitamento e a ordenación e o
fomento da produción forestal respecto dos terreos que estean
considerados de uso forestal corresponderanlle ao órgano competente en
materia de montes.
4. A Administración autonómica terá un prazo dun
ano para a corrección de erros, que se contará desde que o acordo de
concentración sexa firme. Ao transcorrer o devandito prazo,
atribuiráselle a titularidade destes bens e dereitos á sociedade
Bantegal, para a súa incorporación ao Banco de Terras de Galicia, e sen
prexuízo das adxudicacións de predios que como consecuencia de
rectificacións se leven a cabo. A adxudicación destes predios realizada
como consecuencia de rectificacións levaraa a cabo a sociedade Bantegal
tras decisión da dirección xeral correspondente da consellería
competente en materia de agricultura, e reflectirase nunha acta
complementaria da de reorganización da propiedade e inscribirase no
rexistro a favor das persoas adxudicatarias.
A prol da protección da seguridade xurídica e da
salvagarda dos dereitos dos cidadáns, a consellería competente en
materia de agricultura deberalle notificar ao rexistro da propiedade
correspondente a data da firmeza do acordo de concentración, nun prazo
de quince días hábiles desde que esta se produza.».
Dous.-As restantes referencias contidas na Lei
12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración
parcelaria para Galicia, ao fondo de terras entenderanse feitas ao
Banco de Terras de Galicia.
Terceira.-Período transitorio para a incoación de expedientes sancionadores.
A incoación dos expedientes sancionadores
recollidos no título VII desta lei non se poderá iniciar ata que
transcorra un ano desde a declaración de zona de especial interese
agrario polo Consello da Xunta ou, de ser o caso, da declaración de
firmeza do acordo de concentración parcelaria ao que se refire o artigo
2 desta lei.
Cuarta.-Desenvolvemento regulamentario.
Facúltase a Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento desta lei.
Quinta.-Entrada en vigor.
Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e un de maio de dous mil sete.
Emilio Pérez Touriño
Presidente