¿Como utilizar o SITEGAL?
Se vostede é propietario ou propietaria de terras e lle interesa ofrecer as súas parcelas ao Banco de Terras de Galicia ou ben se é vostede unha persoa que necesita terras para levar a cabo o seu proxecto, pode atopar no Sistema de Información de Terras de Galicia (SITEGAL) as parcelas que se atopan dispoñibles así como consultar os trámites que hai que levar a cabo para cada un dos casos. Pode ademais realizar parte dos trámites a través de Internet.
Os pasos a seguir para calquera das dúas accións son ben sinxelos e a través do SITEGAL simplifícanse aínda máis. A continuación resúmese brevemente como facer para ofrecer unha parcela ao banco e como solicitar unha parcela das que están xa dispoñibles.
¿É vostede unha persoa que ten terras e non lles da aproveitamento / non as está a traballar?
Calquera persoa propietaria pode incorporar as súas parcelas ao Banco de Terras de forma totalmente voluntaria e gratuíta para que o Banco as ceda a persoas que estean interesadas en utilizalas. A relación entre a persoa propietaria e o Banco de Terras concrétase nun contrato no que se establecen as condicións coas as que se incorpora a finca ao Banco de Terras así como as garantías que lle ofrece o Banco no caso en que sexan cedidas a outras persoas:
- Garantía de cobro da renda de referencia
- Garantía de que a finca vai ser utilizada correctamente.
- Garantía de que no momento en que a persoa propietaria recupere a finca, esta se lle vai a devolver como mínimo nas mesmas condicións de uso en que a incorporou.
Para ofrecer unha parcela ao Banco primeiramente terá que facer unha pre-solicitude de cesión. Esta pre-solicitude pódea realizar directa e comodamente a través desta páxina web, na sección Ofrecer parcelas. Tamén poderá facela dende unha Oficina Agraria Comarcal da Xunta de Galicia. Na pre-solicitude só terá que identificar a parcela, sexa no mapa ou ben coa identificación numérica do SIXPAC (provincia, concello, nº de zona de concentración, nº de polígono e nº de parcela), establecer o prezo ao que quere que se arrende a finca (no caso de ser diferente do prezo de referencia garantido polo Banco de Terras) e aportar uns datos mínimos de contacto. A pre-solicitude non compromete a nada en ningún caso. No proceso de pre-solicitude vostede terá oportunidade de coñecer cal é o prezo de referencia que o Banco lle garante.
Unha vez feita a pre-solicitude, o Banco de Terras porase en contacto con vostede para indicarlle, se así o desexa, a documentación que ten que achegar e a onde se ten que dirixir para formalizar a solicitude definitiva e asinar o contrato de cesión que, para a súa comodidade, se efectuarán o mesmo día. Este trámite pode ser realizado por un representante seu debidamente autorizado.
Unha vez realizado este paso, a súa parcela estará dispoñible no banco para as persoas que poidan ter interese en arrendala. Lembre que o Banco de Terras garántelle recuperar a súa parcela en boas condicións cando finalice o período de arrendamento, así como o cobro da renda cando a parcela se atope arrendada.
¿Necesita vostede terras para desenvolver o seu proxecto?
Calquera persoa que necesite terras para desenvolver ou ampliar unha explotación agraria e/ou forestal ou desenvolver un proxecto con outros fins (ambientais, paisaxísticos, de custodia do territorio, de infraestruturas, patrimoniais, de conservación da natureza …) pode dirixirse ao Banco de Terras, nel poderá atopar unha relación permanentemente actualizada das fincas que están dispoñibles e solicitar o seu arrendamento ou cesión por un período de tempo determinado.
O SITEGAL, a través desta páxina web, ten unha lista actualizada de todas as parcelas dispoñibles no Banco de Terras de Galicia que vostede poderá consultar dende calquera ordenador conectado a Internet. Para iso, vaia a sección Ver parcelas incorporadas. Ademais, poderá buscar nesa lista a parcela que máis lle poida interesar entre todas as dispoñibles para o que terá que ir á sección Buscar parcelas premendo no botón que se atopa no fondo da lista de parcelas. Alí poderá buscar, por exemplo, as parcelas dispoñibles no seu concello. Tamén poderá solicitar esa información nas Oficinas Agrarias Comarcais.
O primeiro que terá que facer se quere arrendar unha parcela é unha pre-solicitude de arrendamento. Esta pre-solicitude pódea facer directamente a través desta páxina web. Para iso, unha vez que vostede identifique unha parcela que lle interese ten que premer sobre ela. Na nova páxina poderá ver máis detalles sobre a parcela e debaixo do mapa no que se representa a parcela haberá un botón "Solicitar arrendamento". Cubrindo a información que alí se lle pedirá e seguindo os pasos que se lle indicarán, vostede enviará a pre-solicitude de arrendamento ao Banco de Terras. Ten a posibilidade de indicar se desexa arrendar a parcela por máis de 5 anos, nese caso o propietario deberá dar o seu consentimento. A pre-solicitude de arrendamento non o compromete a nada en ningún caso. A pre-solicitude de arrendamento tamén a poderá facer vostede en calquera Oficina Agraria Comarcal.
Unha vez feita a pre-solicitude de arrendamento, o Banco de Terras porase en contacto con vostede comunicándolle se foi aceptada ou non. No caso de que así fose, indicaralle onde se ten que dirixir vostede para formalizar a solicitude e que documentación ten que achegar. As solicitudes soamente poderán ser feitas en determinados momentos do ano. Para o ano 2012 estes son:
- Primeiro prazo de solicitude: Do 1 de marzo ata o 30 de abril de 2012
- Segundo prazo de solicitude: Do 1 de setembro ata o 31 de outubro de 2012
Ademais, se non atopa ningunha parcela do seu interese, pode indicarnos onde lle gustaría arrendalas e o Banco intentarase poñerse en contacto con vostede cando se atope algunha finca coas características que lle interesen.
¿Que acontece se varias persoas solicitan a mesma parcela?
Darase o caso de concorrencia cando se presenten varias solicitudes de arrendamento sobre unha mesma finca no mesmo prazo establecido para a solicitude de arrendamento.
Se iso acontece e se reciben varias solicitudes sobre a mesma finca no prazo anteriormente indicado, teranse en conta os criterios e ponderación que se recolle na Táboa I á hora de avaliar as solicitudes de arrendamento. A parcela será asignada á persoa ou explotación que reúna máis puntos.
Non haberá lugar á concorrencia cando no momento de solicitarse a incorporación dunha finca propiedade particular ao Banco de Terras, xa exista acordo entre o propietario e o arrendatario sobre o arrendamento daquela.












