Sobre o Sistema de Información de Terras de Galicia

O Sistema de Información de Terras de Galicia é un sistema de información xeográfica que dá acceso á información sobre todos os procedementos e instrumentos recollidos na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
alt

Lei de recuperación da terra agraria

Aquí poderase ler todo o referente á Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

O principal obxectivo da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia é loitar contra o abandono e a infrautilización das terras e facilitar unha base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, á vez que procurar anticiparse aos incendios e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural. A xestión adecuada da terra agraria é imprescindible para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, os obxectivos do Pacto Verde da UE e os do Pacto Europeo polo clima. Ademais, a seguridade esixe garantir a competitividade das explotacións agrícolas e a resiliencia dos sistemas alimentarios locais e rexionais, polo que resulta esencial protexer un recurso escaso e non renovable como é a terra agraria, así como asegurar o seu acceso aos produtores agroalimentarios.

Novas 13 Mai 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto desta declaración, que implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia do procedemento. No referido á orientación produtiva deste novo polígono, entre as actividades previstas está a gandaría en extensivo, enmarcándose na aposta da Xunta por prever os incendios forestais a través da xestión do territorio. Dentro da aposta por impulsar estas figuras incluídas na Lei de recuperación da terra agraria, nos últimos catro meses foron declarados un total de oito, ascendendo xa a 34 os polígonos aprobados en Galicia para mobilizar en total máis de 9.500 hectáreas.

Novas 10 Mai 2024

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta mañá neste evento, un foro económico centrado no rural galego que comezou onte e que rematará hoxe nesta localidade lucense. Santé, que participou na mesa redonda sobre Recuperación, desenvolvemento e emprendemento no ámbito rural, salientou algunha das iniciativas que está a levar a cabo a Consellería do Medio Rural neste eido. Así, destacou os resultados acadados a través do programa Leader executado en colaboración cos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que están espallados por toda a comunidade autónoma.

Novas 05 Mai 2024

Como novidade, trala publicación do Real Decreto 1177/2023, os responsables das explotacións que participen en programas de reestruturación, como é o Banco de Terras, poderán acceder aos dereitos da axuda básica á renda da reserva nacional. Esta medida poderá beneficiar aos arrendatarios das 2.469 hectáreas arrendadas ou que se atopan en proceso de concretalo, aos que se suman outras 1.255 que están dispoñibles para aproveitamentos agrícolas ou pecuarios. O Banco de Terras de Galicia é un instrumento creado pola Consellería do Medio Rural co dobre obxectivo de evitar o abandono da terra agraria e de poñela a disposición de todas aquelas persoas que a necesiten.

Novas 25 Abr 2024

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou este mediodía en San Xoán de Río na clausura da xornada “Está Ourense preparada para atraer o novo movemento ruralista?”, organizada por “Ourense Rural é vida”. Na súa intervención, fixo especial fincapé nas aldeas modelo e nos seus plans de dinamización como exemplo para impulsar un deseño xeral de rexeneración dos núcleos rurais. Subliñou que a Xunta impulsa “Aldeas Intelixentes, Solucións de futuro para aldeas sostibles” como proxecto de compra pública de innovación na procura de solucións tecnolóxicas para mellorar os recursos agrarios e a xeración de actividade económica.